O BNG de Viveiro demanda á Deputación a colocación urxente de quitamedos na CP-6502

O BNG de Viveiro demanda á Deputación a colocación urxente de quitamedos na CP-6502

A portavoz municipal do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, vén de remitirlle un escrito ao sr. Presidente e Responsábel da Área de Xestión Territorial da Deputación de Lugo, para instalo a actuar con urxencia na estrada de titularidade provincial CP-6502 que atravesa a parroquia viveirense de Chavín e conecta este concello cos concellos de Vilalba, Muras e Ourol. Un víal, denuncia Míriam: "estreito, de curvas perigosas sen visibilidade, que non conta con beiravías nin arcéns, cun firme en mal estado e intransitábel en varios tramos. Un vial, cuxa perigosidade se agrava ao carecer nas súas marxes de elementos de protección para @s condutores que circulan por esta estrada na que se atopan con pendentes e barrancos pronunciados en varios puntos do seu trazado."

Os nacionalistas urxen á Deputación de Lugo para que a Área de Xestión Territorial do ente provincial leve a cabo a instalación de barreiras de protección na estrada de titularidade provincial CP-6502, na zona coñecida como A Maraleixa, posto que nas ultimas semanas viñeron facéndose traballos de tala de masa árborea nesta zona, onde as árbores que estaban nas marxes da estrada provincial e que servían de elemento natural de contención para os vehículos foron talados, co consecuente perigo engadido que supón para a veciñanza circular por esta estrada a diario sen contar con ningún elemento de contención nin barreira de protección, alertou a portavoz nacionalista.

Desde o BNG de Viveiro demandan tamén a renovación e colocación destas barreiras de protección e seguridade en todos aqueles tramos perigosos das estradas de titularidade provincial que discurren polo termo municipal de Viveiro (2604, 2610,3810, 6412, 6601, 6602, 6603, 6604, 6605, 6606, 6607, 6608, 6610, 6611, 6612 e 6613) e ademais que as barreiras de protección que se empreguen inclúa unha barreira de seguridade especial para motoristas e ciclistas co obxecto de reforzar a seguridade destes colectivos vulnerábeis, axudando a reducir a gravidade das lesións e evitae as posíbeis amputacións ou lesións medulares que podan sufrir en caso de accidente.

Por outra banda, e con motivo das numerosas queixas recibidas e o malestar da veciñanza polo lamentábel estado das estradas de titularidade do ente provincial, @s nacionalistas instan ao responsábel da Deputación a que poña en marcha a realización, desde os servizos técnicos do ente provincial, dunha auditoría de calidade permanente do estado das estradas de titularidade provincial (pavimentación, seguridade, trazados, sinalización horizontal e vertical, índices de siniestralidade, ano de execución de obras e actuacións de traballos posteriores de conservación e mantemento en cada unha delas) co obxecto de garantir que as empresas que realizan os traballos de mantemento e obras do Plan de Conservación e Mantemento Integral da Rede Provincial de Estradas cumpran correctamente co servizo contratado e a veciñanza poda dispoñer dunhas infraestruturas viarias de calidade.

 

O BNG de Viveiro demanda á Deputación a colocación urxente de quitamedos na CP-6502
comentarios