O BNG traballará para impulsar e dinamizar a economía local

Faránno a través da posta en valor dos moitos recursos cos que conta Viveiro e promoverá liñas de axuda a tituladxs, coa creación dun centro de negocios e un viveiro de empresas.

O BNG traballará para impulsar e dinamizar a economía local

A candidata número 3 do BNG de Viveiro, Gloria R. Llanderozas, ten claro que a promoción económica e o emprego local é un dos piares fundamentais para garantir benestar e calidade de vida a veciñanza de Viveiro e sinala que so nesta área, unha das 11 nas que se divide o programa de goberno dos nacionalistas, se recollen 30 medidas necesarias para fomentar a creación de emprego e mellorar as condicións laborais das súas veciñas e veciños.

Xs nacionalistas cren que o concello ten que asumir un papel activo na creación de emprego e na reactivación da economía local e para iso ven necesario poñer en marcha medidas que eviten a perda de capital humano formado, para o cal propoñen impulsar a creación dunha liña de axudas destinadas a tituladxs para o desenvolvemento de proxectos de economía circular, cos cales se conseguirá un concello máis sostíbel, derivado da redución de residuos e menor uso de materias primas e recursos non renovábeis, a creación de nichos de emprego e asimesmo a mellora da competitividade das empresas.

Por outra banda, Gloria R. Llanderozas fai fincapé na necesidade de axudar a rebaixar os custes dos autónomos, profesionais e pequenas empresas asentadas no concello, e para o cal propón a creación dun espazo de traballo de uso individual e compartido (Centro de Negocios) onde dispoñan a un baixo custo de todos os servizos para cubrir as súas necesidade do día a día. Un centro que contará ademais cun espazo de traballo común (Coworking) gratuíto para a mocidade emprendedora que desexe desenvolver os seus proxectos empresariais e/ou iniciativas profesionais.

Por último, Gloria destaca que unha das medidas fundamentais para axudar a asentarse ás empresas no termo municipal de Viveiro e que recollen no seu programa é o desenvolvemento e dinamización do Parque empresarial de Landrove, a través da participación en programas de axuda e subvencións da Xunta e outras administracións, e para cuxa dinamización propoñen a creación dun viveiro de empresas, dotación de zonas axardinadas, mellora da limpeza e conservación, iluminación, alcantarillado e medidas de seguridade e vixiancia.

comentarios