O BNG realizou en Viveiro unha recollida de sinaturas contra a suba da luz e visitou o barrio de Xunqueira

O BNG realizou en Viveiro unha recollida de sinaturas contra a suba da luz e visitou o barrio de Xunqueira

O BNG de Viveiro organizou este sábado un acto público e recollida de sinaturas, coas intervencións de Miriam Bermúdez, viceresponsábel local; e Xosé Luís Rivas (Mini), deputado no Parlamento de Galiza.

Miriam Bermúdez, sinalou que a luz é “un produto de primeira necesidade e non unha mercadoría de luxo que sirve para que as empresas eléctricas cada vez gañen máis”. Galiza é un país produtor e exportador de enerxía, que ten que soportar unha das tarifas máis caras de Europa cando ten os salarios e as pensións das máis baixas. Nos últimos 8 anos o recibo da luz subiu máis dun 30% e no último ano un 10%, “son cantidade excesivas e sen xustificación”, engadiu.

Propuxeron a adopción de medidas prácticas, tanto no desenvolvemento das competencias propias, como instando ao Goberno do Estado a aplicar as pertencentes ao seu ámbito, que permitan a diminución do prezo da factura eléctrica e o fin da discriminación que padece Galiza por este motivo, a través das seguintes medidas:

  1. Unha tarifa eléctrica propia para Galiza que, atendendo aos verdadeiros custos da produción, a factura da luz sexa máis barata que a actual, en beneficio de consumidores particulares e das nosas empresas.
  2. Eliminación dos suplementos territoriais da tarifa eléctrica, impedindo esta nova discriminación sobre Galiza.
  3. Baixada do IVE na factura eléctrica, do actual 21% ao 4 (superreducido).
  4. Garantir a subministración eléctrica a toda a poboación, establecendo medidas para que non se lle poida cortar a luz a ningunha persoa sen recursos.
  5. Creación dunha empresa pública galega que integre os encoros que vaian rematando o período de concesión, así como a participación noutros ámbitos de xeración de enerxía para a socialización dos beneficios.

bb

Tamén aproveitou o deputado parlamentar Xosé Luís Rivas para coñecer a zona máis afectada de Viveiro polas inundacións, o barrio de Xunqueira, onde os veciños lles contaron as preocupacions e necesidades ao deputado nacionalista. Dende o BNG de Viveiro seguen á espera de que a Xunta responda no parlamento galego ás preguntas feitas polo BNG, rexistradas o pasado 21/11/2018, as cales son:

  1. Ten analizado a Xunta de Galiza o estado do río que asolagou a Xunqueira, no Concello de Viveiro?
  2. Tiña constancia o Goberno galego das denuncias da veciñanza que advertían do tapón provocado por restos de desbroce na Ponte de Pedro Mestre?
  3. Por que non se limpou o río?
  4. Que medidas prevé impulsar o Goberno galego, no marco das súas competencias, para evitar que algo como o acontecido o 18 de novembro poida repetirse?

IMG_20181201_124649

IMG_20181201_124932