O BNG logra un acordo unánime do Parlamento a unha mesa de negociación co comité de ALCOA-San Cibrao

O BNG logra un acordo unánime do Parlamento a unha mesa de negociación co comité de ALCOA-San Cibrao

O BNG logrou o respaldo de todos os grupos da Cámara a súa proposta de instar á Xunta “a constituír unha mesa de negociación con ALCOA e o comité de empresa de San Cibrao, para demandar a activación das cubas en suspenso e velar polo mantemento do emprego e da actividade en tanto se mantén a actual situación de declive industrial e de inestabilidade nos prezos da enerxía”.

A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, responsable da proposición non de lei aproveitou a defensa da iniciativa para pedir “seriedade” e evitar “episodios anteriores con exclusións e vetos”, de tal xeito que esa mesa incorpore ao comité de empresa.

Presas criticou que tras meses de mobilización social “ningún dos problemas de fondo que afecta ás industrias electrointensivas recibiu resposta” e, tras o que cualificou como “pequeno respiro” en ALCOA Coruña, “o certo é que estamos aínda lonxe de que a situación sexa satisfactoria porque os problemas de fondo seguen aí”.

Por contra, indicou, “os sinais de alarma na planta de San Cibrao están disparados, tras a decisión de ALCOA de parar 32 das 512 cubas electrolíticas, o segundo recorte nun ano”, mentres se segue á espera da promesa incumprida dun estatuto para as industrias electrointensivas.

Xunto coa creación da mesa de negociación, o Bloque reiterou no Parlamento a urxencia de aprobar ese estatuto tendo en conta as achegas do sector galego, coa inclusión dun paquete de medidas compensatorias polos atrasos antes do final de 2019.

Mentres, reiterou Presas, á fábrica de aluminio de San Cibrao vive unha situación de “incerteza” tanto para a comarca da Mariña, “que ten nesta actividade o seu motor económico fundamental con case 2.000 empregos”, como pola súa importancia para Galiza.

O Bloque apoia as peticións do comité de empresa que reivindica un marco enerxético estable libre das peaxes e, a cambio desta rebaixa, as empresas deben manter o emprego e esixir a máxima compensación permitida pola UE, por CO2. Igualmente, modelos de contratos bilaterais semellantes ao francés que permitan planificacións a unha década vista, intervir no pool para producir unha rebaixa as persoas consumidoras, manter  as poxas de forma transitoria coa media dos importes dos últimos anos, cos mesmos bloques e recuperando o preaviso de parada de 2 horas.

A formación nacionalista insiste na súa demanda dunha tarifa eléctrica galega, que permitiría aforro e ganar competitividade, e pide á Xunta que asuma as súas responsabilidades coa industria galega e actúe “máis alá das declaracións electoralistas que estamos acostumadas a escoitar”, concluíu.

comentarios