O BNG condicionará calquera apoio de investidura a que haxa unha solución de futuro para ALCOA

O BNG condicionará calquera apoio de investidura a que haxa unha solución de futuro para ALCOA

“O compromiso do BNG é moi claro: se temos a confianza dos e das galegas a partir do 10N condicionaremos calquera apoio de investidura a que teñamos un prezo xusto e competitivo da electricidade para salvar as nosas industrias electrointensivas e o emprego en ALCOA, a que teñamos unha tarifa eléctrica galega que permita a sociedade beneficiarse da riqueza deste país”, proclamou Ana Pontón.

A líder nacionalista instou a “transformar o cabreo nun voto que defenda dos intereses dos galegos e das galegas”, ao tempo que se preguntaba “como pode ser que veña o presidente da Xunta e a ministra de Transición Enerxética a ALCOA sen unha soa solución cando hai tantos empregos en risco. A situación de crise desta factoría é responsabilidade directa dun PP e dun PSOE que crearon un marco eléctrico que aboca ao peche unha fábrica estratéxica nesta provincia e no país”.

Precisamos deputados e deputadas que defendan o futuro de ALCOA, a modernización do ferrocarril, coas mans libres para defender o saneamento das rías e os sectores produtivos básicos desta provincia para xerar valor engadido, recalcou Olalla Rodil, cabeza de lista ao Congreso por Lugo nas eleccións do 10N.

Míriam Bermúdez, a concelleira nacionalista en Viveiro criticou: “Un ninguneo político que vemos cada vez que nos repiten que van aprobar un estatuto para as electrointensivas que nunca chega, non pode ser que un país como o noso que produce electricidade a esgalla teñan miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos”, e aclarou que non era o único asunto no que Madrid ignora os problemas da provincia. “Tamén se ven nunhas infraestruturas ferroviarias que empeoran, cun FEVE cada día máis desmantelado na comarca da Mariña, un ninguneo nas infraestruturas pero tamén en dereitos sociais e laborais”.

Pontón destacou “un BNG á alza que suma e ofrece seriedade, rigor, traballo e o compromiso de que non imos fallar, porque Galiza ten dereito a un futuro mellor e para iso hai que ter peso político que só vai vir dunha forza propia e coas mans libres como o BNG. E sen maiorías absolutas, os deputados e deputadas nacionalistas van condicionar a política do Estado a favor do país”.

comentarios