O BNG aposta polo rural como alternativa de vida e como motor dinamizador da economía e emprego para Viveiro

A candidata nacionalista afirma "con esta aposta clara do BNG polo rural, demostramos ser a única forza política que ten para Viveiro un proxecto de concello vertebrado e cohesionado, pensado para e por as persoas, cos mesmos dereitos e oportunidades á marxe onde elixan vivir, sexa no rural ou no urbano."

O BNG aposta polo rural como alternativa de vida e como motor dinamizador da economía e emprego para Viveiro

O proxecto de goberno para Viveiro dxs nacionalistas contempla case medio cento de medidas para o rural que teñen por obxecto, por un lado, poñer en valor os seus recursos naturais e patrimoniais para xerar emprego e dinamizar a economía local e, por outro, converter as parroquias do seu rural nunha alternativa de vida e de calidade para a súa veciñanza, contribuíndo así a reverter a situación de envellecemento e despoboamento que ameaza o futuro das parroquias rurais do concello.

A candidata nacionalista á alcaldía, Miriam Bermúdez destaca que "as medidas do BNG recollidas para o rural, van desde actuacións no campo do ensino, como o estudo da implantación de ciclos profesionais de formación da familia profesional agraria no IES María Sarmiento, obradoiros prácticos para combater as pragas como a vespa velutina, actuacións para facilitar o acceso á vivenda no rural á mocidade como un banco municipal de vivendas en alugueiro... ata medidas para fomentar o seu tecido produtivo, como son o apoio ás actividades agro-gandeiras e ás novas incorporacións, axuda a implantar empresas de transformación da produción agraria da zona, creación de mercados de produtos da horta e o fomento dos aproveitamentos dos usos do monte."

Por outra banda e co obxecto de facer de Viveiro un concello vertebrado, Míriam Bermúdez indica que a súa formación quere levar a cabo actuacións no ámbito da mobilidade interparroquial e propoñen, un plan de conservación e mantemento da rede de estradas que conecten todas as parroquias e a elaboración dunha ordenanza municipal reguladora das actividades de tala forestal, depósito, carga e transporte de madeira nestas vías municipais, así como propoñen desenvolver medidas para afortalar o transporte público intraparroquial e para deseñar unha rede de carriles bici que conecte as parroquias próximas ao casco, sendo tamén a súa intención actuar no ámbito da subministración de auga co obxecto de traballar coa veciñanza para impulsar un proxecto piloto de depuración autónoma nas parroquias máis alonxadas e asegurar o sistema de abastecemento de auga en todas elas.

En materia medioambiental Bermúdez confirma que queren impulsar, desde o goberno municipal, a creación dun plan de limpeza e conservación dos cauces dos ríos de competencia municipal e un plan de vixiancia e conservación das masas forestais e de protección de zonas de especial interese ambiental, como o paseo fluvial do río Landro ou a Fraga das Saímas, así como o desenvolvemento dun sistema de control para o cumprimento riguroso da normativa de protección de núcleos rurais e a mellora da xestión colectiva dos montes a través da súa agrupación.

O proxecto dxs nacionalistas para o rural tamén incorpora medidas de inclusión social e benestar, creando programas para á veciñanza das parroquias, con posibilidades de emprego para traballar coas persoas dependentes, transporte, xantar na casa, etc. e programas de envellecemento activo realizando dinámicas entre parroquias, ademais de propor achegar a actividade cultural ás parroquias a través dunha programación cultural anual en rede, na que se integrarán os centros socioculturais das mesmas, e de querer achegar o deporte e a poboación de Viveiro ás parroquias habilitando para a práctica deportiva espazos naturais e rurais e promovendo os deportes de carácter autóctono.

comentarios