O BNG aposta polo cumprimento das normas municipais e de convivencia, así como polo respecto entre a veciñanza do casco histórico e os hostaleiros dos locais nocturnos

O concello non pode ter unha dobre vara de medir á hora do cumprimento das ordenanzas municipais, afirman dende a fronte nacionalista.

O BNG aposta polo cumprimento das normas municipais e de convivencia, así como polo respecto entre a veciñanza do casco histórico e os hostaleiros dos locais nocturnos

O deber do concello é velar en todo momento tanto pola saúde da súa veciñanza como pola do medio ambiente así como pola protección dos espazos públicos, debendo prevalecer isto fronte a aquelas actividades que están a xerar unha grave contaminación acústica nas zonas residenciais, provocando un efecto negativo ao descanso e tranquilidade das persoas residentes.

A resposta por parte do concello a esta problemática que está a padecer a veciñanza do casco histórico non pode ser enviar cartas-recordatorio da normativa municipal, porque iso é lanzar a cidadanía unha mensaxe de permisividade e de defensa da impunidade con que actuan os incumpridores das ordenanzas municipais que infrinxen continuamente os horarios de peche, realizan actividades non autorizadas, etc. O que supón tamén un trato discriminatorio co resto d@s veciñ@s que son sancionad@s "sen aviso previo" cando aparcan en zonas prohibidas polo concello ou se "esquecen" de pagar os impostos municipais ou o fan fóra dos prazos establecidos pola normativa local. O concello non pode ter unha dobre vara de medir do cumprimento das ordenanzas municipais.

Non se pode entender a tibieza coa que está a actuar a alcaldesa de Viveiro cos que reiteradamente se saltan unhas normas cuxo incumprimento esta a provocar efectos negativos na saúde da veciñanza do casco e que supón un grave prexuízo para a súa calidade de vida. Este incumprimento reiterado das ordenanzas e o desprezo duns poucos polas normas de convivencia provoca un desequilibrio na balanza que fai incompatibel a convivencia entre a veciñanza do casco e os intereses dalgúns hostaleiros nocturnos. Estes abusos e excesos está a provocar a expulsión do casco histórico dos residentes que fartos da lacra deste ruído nocturno, acaban marchándose do centro, facendo que o casco esmoreza pouco a pouco ao ir quedándose sen habitantes e coas casas baleiras e abandoadas, convertíndose nun casco  decadente, sen vida e sen dinamismo.

Fronte a esta realidade o BNG propón camiñar cara un modelo de vila habitábel, saudábel, segura, integradora e limpa e propón ao concello, entre outras medidas:

 

  • Cambiar e mellorar a política de protección e revitalización dos cascos históricos do concello. Algunhas das accións a poñer en marcha:

  1. Limitar as actividades xeradoras de ruído nocturno.

  2. Declarar as rúas máis conflitivas do casco histórico "zona acústicamente saturada" e intervir para mellorar a calidade acústica medioambiental nas mesmas.​
  • Facilitar a apertura de negocios que desenvolvan actividades comerciais e económicas, que son verdadeiros centros de socialización da vila, compatíbeis coa habitabilidade no casco.

  • Planificar e ordenar os usos dos edificios do casco.

  • Dotar a Viveiro de espazos culturais que garantan que a veciñanza de todas as idades poda disfrutar da música nos locais adaptados para tal uso.

  • Habilitar espazos públicos, coa protección e vixiancia necesaria, para as xuntanzas de esparcemento da mocidade.

  • Campañas de concienciación da mocidade do uso responsábel dos espazos públicos.

  • Transparencia das licencias outorgadas aos locais de ocio nocturno, a través da publicación na páxina web do concello da listaxe de locais de hostalería autorizadas e tipos de licencias concedidas (bar, cafetería, café, restaurante, café-bar especial, pub...).