Aprobada a nosa moción para o 25N cos votos en contra de Son Viveiro e a abstención do PSOE de Viveiro

Aprobada a nosa moción para o 25N cos votos en contra de Son Viveiro e a abstención do PSOE de Viveiro

Aprobada a moción presentada polo BNG no pleno municipal de novembro relativa ao combate contra a violencia machista, co apoio dos Populares e Por Viveiro. A portavoz municipal do BNG, Miriam Bermúdez, durante a defensa desta moción dixo que había un avance na conciencia social sobre a violencia machista, mais remarcou que ficaba moito por facer e que, máis alá dos minutos de silencio e declaracións institucionais, a clave estaba en aumentar os recursos dispoñíbeis e en visibilizar todo tipo de violencias machistas, tal como é a violencia sexual sobre a cal ten alertado a mesma Fiscalía Xeral do Estado do seu aumento, principalmente entre as persoas máis novas, o que precisa de forma urxente unha resposta por parte das administracións públicas, apuntou Bermúdez.

Nesta moción á que se sumaron os grupos da oposición, a excepción de Son Viveiro que considera ao igual que o PSOE de Viveiro que este debate non se ten que dar na política, recolle varias propostas nas que, por un lado:

  • Demandar á Xunta de Galiza que destine no orzamento 2020 como mínimo o 1% do orzamento total da administración galega, para poder implementar e poñer en marcha medidas no ámbito xudicial, educativo e social que axuden a combater a violencia machista.
  • Así como tamén demandar o cumprimento do acordado na Deputación de Lugo hai seis meses, para axilizar a posta en marcha dun terceiro xulgado para Viveiro
  • E demandar ao Goberno Central a incorporación de diversas medidas, dentro do marco legal, para avanzar no recoñecemento da violencia sexual como violencia machista.

@s nacionalistas lamentan a negativa do PSOE de Viveiro a sumarse na reclamación á Xunta de máis recursos económicos para a loita contra a violencia de xénero, como tamén de que non se sumasen á demanda ao Goberno do Estado que, entre outras medidas, pedía a introdución no marco legal do concepto de consentimento para mellorar a tipificación e o tratamento de violación e das agresións sexuais. Unha decisión difícil de entender por parte do BNG, sobre todo cando os seus propios compañeir@s de partido sí se sumaron noutros concellos.

Desde o BNG afirman que poden aceptar, aínda que non compartir, que a Concelleira de Muller de Viveiro, Lara Fernández, considere que a violencia sexual non deba ser incluída dentro da violencia machista, pero o que non poden compartir nin van aceptar é que esta concelleira do PSOE e os demais membros do Goberno Socialista, empreguen por norma os insultos e descalificacións persoais cada vez que se quedan sen argumentos políticos, como así sucedeu no pasado pleno, onde Bermúdez foi a principal diana das descalificacións lanzadas pola señora Lara durante a súa intervención en resposta a esta moción do BNG presentada pola concelleira nacionalista, en tempo e forma e ao amparo da lei. Todo nun intento sorprendente e escandaloso do PSOE de privar á portavoz municipal do BNG de exercer o seu dereito de debater e votar esta proposta levada ao pleno do pasado 12N, co fin último de “apartar ao BNG do protagonismo no debate sobre a violencia machista” tal e como asegurou a propia concelleira de igualdade durante o seu incongruente e bochornoso discurso. Demostrou, ademais da total falta de respecto pola oposición e pola propia institución local, o seu absoluto descoñecemento ao respecto das competencias e funcións tanto dos órganos plenarios como das Mesas Locais de Coordinación Contra a Violencia de Xénero ao intentar trasladar e descargar nesta última o debate político e ao confundir os actos programados na Mesa con motivo do 25N coa toma de decisións e implementación de medidas políticas e a  labor e responsabilidade tanto dos gobernos, como dos grupos políticos con representación nas institucións públicas.

Aprobada a nosa moción para o 25N cos votos en contra de Son Viveiro e a abstención do PSOE de Viveiro
comentarios