O anuncio da última proposta estrela de Feixóo, dunha ponte sobre a ría de Viveiro, ten como obxectivo principal provocar o enfrontamento entre a veciñanza de Viveiro

Proposta da Xunta
Proposta da Xunta

O único certo a día de hoxe é que os gobernantes do PP, son os máximos responsábeis de manter Viveiro aillado e sen vías de comunicación propias dos nosos tempos, o que está a provocar a perda progresiva de peso económico e poboacional no noso concello

O anuncio da última proposta estrela de Feixóo, dunha ponte sobre a ría de Viveiro, ten como obxectivo principal provocar o enfrontamento entre a veciñanza de Viveiro

A raíz da última proposta estrela lanzada pola Xunta do PP, xs nacionalistas manifestamos que non imos a entrar no xogo do Sr. Feixóo, no que ten moito interese en meter ao concello e ao pobo viveirense co obxectivo de xerar un debate baldío sobre un hipotético mega-proxecto que, como tal en sí e dentro do plantexamento da súa inconcreción, non resolve os problemas principais de comunicación e conexión de Viveiro. Así mesmo recordar, que foi o Partido Popular o que se encargou de desviar a autovía do Cantábrico (A8) da nosa costa cara Vilalba en tempos de Fraga.

Esta manobra de despiste, que ademais conleva un importante gasto, no que aínda non se sabe moi ben en beneficio de quen, tratan de seguir gañando tempo empregando todos os medios que están ao seu alcance para intentar que se prolongue no maior tempo posible este debate e a confrontación entre xs viveirenses, para así, poder trasladar a súa responsabilidade á veciñanza, cargando as culpas nxs nosxs veciñxs "de non querer o progreso para o pobo de Viveiro", como xa sucedera no ano 2010 co mesmo goberno da Xunta do PP, que acabaron utilizando como chivos espiatorios xs veciñxs de Magazos, cando aprobaron de xeito unilateral o cambio de trazado da Variante de Magazos, que xa fora aprobada unanimemente no 2006 pola corporación municipal e co consenso da veciñanza.

A única realidade que xs viveirensxs podemos constatar é a total falta de vontade amosada polos gobernos do PP, tanto de Feixóo como de Raxoi, en investir os nosos fondos públicos en infraestruturas para Viveiro e a comarca, aos feitos nos remitimos xa que exemplos temos e demasiados, como é o lamentábel estado das estradas, a deixadez e desmantelamento dos servizos ferroviarios, os problemas de perigosidade da travesía de Covas que continúan sen solucionarse a pesares de que a Xunta asegurou hai meses que dentro do Plan de Seguridade Vial para Viveiro ía incluír a execución inmediata da mellora da sinalización na mesma, por non falar da parálise que sofren as obras de Saneamento da Ría de Viveiro e o estado do proxecto de rexeneración da praia de Covas.

O día no que o goberno presente un proxecto serio e global dos trazados das variantes de Viveiro, xunto cos estudos de impacto ambiental, a súa viabilidade técnica, orzamento total do mesmo e porcentaxe de orzamento comprometido para cada exercicio económico e cun cronograma temporal de actuacións coas fases e prazos de execución das obras contempladas, que conecte Viveiro coa Autovía do Cantábrico (A8) á altura dos concellos de Barreiros, Xermade (a través da AG-64) e Ortigueira (a través da AC-101 e CG-1.3), que non teñan ningunha dúbida que ese día valoraremos o seu proxecto e nos felicitaremos por poder facelo.

Hoxe por hoxe, no BNG imos a seguir esixíndolle e reclamándolle cada día e con máis contundencia ao Partido Popular o cumprimento das súas obrigas como actual goberno e o cumprimento das súas promesas electorais incumpridas, ano tras ano, e que non son outras que as de conectar Viveiro co resto do país.