Ana Pontón pide crear unha mesa de negociación integrada pola Xunta, ALCOA e Comité de Empresa

Pontón asegurou que o BNG continuará traballando para acadar unha solución ao problema enerxético, un problema que pasa pola “defensa dunha tarifa eléctrica galega, un estatuto para as industrias electrointensivas cun prezo competitivo e o compromiso desas empresas de investir e garantir o emprego”.
Ana Pontón pide crear unha mesa de negociación integrada pola Xunta, ALCOA e Comité de Empresa

Tras a xuntanza do BNG co comité de empresa de ALCOA para analizar as consecuencias da redución da produción de aluminio na factoría de San Cibrao, a portavoz nacionalista Ana Pontón, trasladou o apoio do BNG ao colectivo de taballadorxs e manifestou a súa preocupación polo futuro da fábrica que conta cunha redución do 11% da produción durante este ano, e advertiu que se non existe un marco enerxético estábel competitivo, a situación pode agravarse e acabar afectando ao emprego.

Pontón afirma que o problema de ALCOA, precisa dunha solución inmediata e nesa liña anunciou que o BNG presentará iniciativas no Parlamento, Deputación de Lugo e concellos afectados para buscar unha alternativa que garanta a estabilidade na factoría, “motor económico da Mariña e con gran incidencia no sector industrial galego”.

dav

A portavoz do BNG pediu á “Xunta que non se poña de perfil” ante un problema que non só afecta a ALCOA senón que ten consecuencias para a industria electrointensiva no noso país. A situación,  dixo, “ten responsabilidades políticas directas do Partido Popular que creou un marco enerxético que impide competir con empresas do entorno europeo e internacional” pero tamén do “Partido Popular que goberna a Xunta e como tal ten competencia en industria”. Por outro lado, engadiu, o Partido Socialista prometeu un “estatuto” para as industrias electrointensivas antes das eleccións de abril e no mes de agosto seguimos sen unha solución.

A portavoz do BNG reiterou que a Xunta non pode "botar balóns fóra” polo que propuxo crear unha “Mesa de negociación con presenza da Xunta, Alcoa e Comité de Empresa” para paralizar a redución da produción e non poñer en perigo os empregos. Dende o BNG levaremos a situación de Alcoa ao primeiro pleno do Parlamento galego, no mes de setembro, porque hai que tomar decisións e abandonar a política de “espectáculo e propaganda”. A crise política do estado está a crear “graves problemas en Galiza” e necesitamos solucións.

En Galiza non podemos permitirnos perder un só posto de traballo polo custe da enerxía porque ademais somos exportadores, resulta paradóxico que as empresas eléctricas sigan engordando os seus beneficios e “facéndose de ouro” mentres a enerxía en Galiza non redunda en emprego e futuro para os traballadorxs da planta de ALCOA.

comentarios