Ana Pontón: “Os escanos do BNG garantirán o emprego en ALCOA. Ninguén máis pode facelo”

Ana Pontón: “Os escanos do BNG garantirán o emprego en ALCOA. Ninguén máis pode facelo”

En Burela, a portavoz nacional Ana Pontón, fixo un chamamento a todos os galegos e galegas desencantadas e cabreadas cunhas forzas estatais que “xogaron co seu voto” e, ademais, “persistiron na discriminación con Galiza”. Unha discriminación e ninguneo que teñen un “exemplo de libro” na situación que vive ALCOA. "Non é de recibo que sendo Galiza produtora excedentaria de electricidade haxa nesta provincia postos de traballo en xogo polos custes enerxéticos. Iso é responsabilidade do PP e do PSOE, os primeiros porque foron os autores dunha lexislación que nos levou a esta situación, e os segundos porque a mantiveron. Non é de estrañar se temos en conta quen se senta nos consellos de administración das eléctricas, Aznar e González, facéndose ricos mentre en Galiza hai miles de empregos en risco”, denunciou.

Pontón foi moi crítica co ninguneo antes do PP e agora do PSOE, que xa prometera antes do 28A un estatuto para as industrias electrointensivas que nunca chegou, imprescindible para salvar miles de empregos no sector industrial galego, e para o futuro da Mariña”.

“Un auténtico espolio do que tamén é culpable o señorito dos peares, -ironizou-, polo seu veto constante a tarifa eléctrica galega”. Por iso, declarou, “hoxe queremos deixar aquí un compromiso moi claro: que imos usar os escanos, a representación do BNG no Congreso para defender os 2.000 empregos de ALCOA, para defender unha tarifa electrointensiva e unha tarifa eléctrica propia. Ninguén máis nestas eleccións pode comprometerse a iso. Polo tanto, exerzamos como galegos e como galegas collendo a papeleta do Bloque Nacionalista Galego o 10N”, demandou.

FB_IMG_1572738311358

Rodil convida a tomar as rendas.

A cabeza de lista da candidatura do BNG ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, expuxo que “a decisión máis importante que temos que tomar este 10N é se queremos seguir mirando o que outros deciden por nós ou tomar as rendas da nosa propia vida. Converter Galiza nun actor da política do Estado. Como país, con voz e voto, con capacidade para intervir e condicionar os debates para situar na axenda política os nosos dereitos e intereses, os problemas que levan décadas lastrando o noso desenvolvemento. E iso só pode facelo o Bloque Nacionalista Galego porque non nos debemos a ninguén máis que a este país”.

“Acaso algunha das forzas estatais reclamou algo para Galiza?”, continuou Rodil, "veñen a este país coma quen van a pescar votos. Pero Galiza non é un caladoiro. Somos un pobo digno, traballador, honesto. Non somos máis que ninguén pero tampouco menos. Este país merece máis que ser espectador, merece ser protagonista e escribir a súa historia. E para iso temos que facernos valer, confiar en nós mesmas, na nosa capacidade”, subliñou durante a intervención.

FB_IMG_1572738320258

comentarios