Ana Miranda levará ao parlamento europeo o saneamento da ría de Viveiro xunto co resto de preocupacións que nos transmitiron dende Porto de Celeiro

Entre as preocupacións destacaron o impacto negativo do Brexit para a pesca galega e o estado do saneamento da ría de Viveiro

Ana Miranda levará ao parlamento europeo o saneamento da ría de Viveiro xunto co resto de preocupacións que nos transmitiron dende Porto de Celeiro

Membros do BNG de Viveiro xunto con Ana Miranda, que forma parte da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo e da Comisión de Peticións polo BNG no Parlamento Europeo, visitamos e escoitamos cada unha das inquedanzas que nos transmitiron dende o Consello de Administración de Porto de Celeiro SA, onde nos reunimos co presidente e directivos.

Entre as principais preocupacións falamos sobre o impacto do Brexit na pesca galega, polos efectos que puidera ter na flota celeirense e mariñá polo feito de faenar en augas británicas, abordamos tamén outros temas como o dos descartes na pesca e incluso a falta de mozxs galegxs no sector.

E por último falamos sobre o saneamento da ría e a reparación do emisario submarino, onde o colectivo pesqueiro de Celeiro lle transladou a Ana Miranda a súa preocupación, ao que a parlamentaria se comprometeu a facer un seguimento no parlamento europeo do convenio asinado a tal efecto en setembro de 2016 entre a Xunta e o Concello de Viveiro, para executar unhas obras que tiñan que comezar en decembro de 2016 e finalizar en decembro de 2020 que están financiadas nun 80% con fondos FEDER, da Unión Europoea.

Ana Miranda levará todas e cada unha destas inquedanzas ao parlamento europeo pola importancia que representan para un concello como Viveiro e un porto de referencia, como é o de Celeiro.