Recollida de sinaturas contra a suba da luz

Recollida de sinaturas contra a suba da luz

O BNG de Viveiro organizaba en decembro do 2018 unha recollida de sinaturas en contra da suba da luz, coa presenza de Míriam Bermúdez e Xosé Luís Rivas (Mini), actual Concelleira Local e Deputado no Parlamento Galego respectivamente.

Míriam Bermúdez sinalou que "a luz é un produto de primeira necesidade e non unha mercadoría de luxo que sirve para que as empresas eléctricas gañen cada vez máis. Galiza é un país produtor e exportador de enerxía, que ten que soportar unha das tarifas máis caras de Europa cando ten os salarios e as pensións das máis baixas."

Mini Rivas aclarou "teñen que beneficiarse as empresas e as familias da riqueza enerxética do país, unha tarifa diferenciada que xa existe en países como Reino Unido, Suíza ou Alemaña, e que no Estado Español xa a ten Euskadi. Esta medida permitiría un aforro medio de 200€ na factura da luz ás familias e a competividade das nosas empresas.

A adopción de medidas prácticas que propuxo o BNG, tanto no desenvolvemento das competencias propias como instando ao Goberno do Estado a aplicar as pertencentes ao seu ámbito, permitirian a diminución do prezo da factura eléctrica e o fin da discriminación que padece Galiza por este motivo, a través das seguintes medidas:

 

  1. Unha tarifa eléctrica propia para Galiza que, atendendo aos verdadeiros custos da produción, a factura da luz sexa máis barata que a actual, en beneficio de consumidores particulares e das nosas empresas.
     
  2. Eliminación dos suplementos territoriais da tarifa eléctrica, impedindo esta nova discriminación sobre Galiza.
     
  3. Baixada do IVE na factura eléctrica, do actual 21% ao 4 (superreducido).
     
  4. Garantir a subministración eléctrica a toda a poboación, establecendo medidas para que non se lle poida cortar a luz a ningunha persoa sen recursos.
     
  5. Creación dunha empresa pública galega que integre os encoros que vaian rematando o período de concesión, así como a participación noutros ámbitos de xeración de enerxía para a socialización dos beneficios.

     

Míriam Bermúdez aclara hoxe: "de non ser vetadas sistematicamente polo PP todas as propostas para o abaratamento da electricidade, Alcoa non estaría na situación na que está, nin os fogares galegos terían que pensalo dúas veces antes de acender a calefacción no inverno, xa que temos a segunda factura da luz máis cara de toda Europa".

 

comentarios